sábado, 15 de agosto de 2009

Lence acusa a UUAA de “agudizar” a crise e “enganar” aos gandeiros

www.xornal.com Pepe Seijo 15/08/2009 - 02:32 h.

A resposta de Lence non se fixo esperar. Logo de que Unións Agrarias (UUAA) o acusase de “baixar o prezo unilateralmente” e intentar “facer fracasar o acordo lácteo” que entrou en vigor o pasado 1 de agosto, o administrador único de Leite Río acusa a este sindicato de “enganar” aos gandeiros ao asegurarlles que co trato entre industrias e distribución ían cobrar o leite a 31 céntimos por litro.

UUAA incluso promovera un boicot aos seus produtos que fora apoiado polos outros dous principais sindicatos gandeiros (Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego) no caso de que se confirmase a baixada de prezos. A resposta de Lence foi atacar directamente a Unións e aclarar que o acordo só compromete “ a pagar o leite segundo a media europea”, ademais de aclarar que en xullo os seus produtores recibiron “entre 23 e 24 céntimos”, unha cifra semellante á dos franceses.

“UUAA crea falsas esperanzas; é mentira que no acordo se fale dunha cantidade concreta”, di Lence, nunha reflexión na que coincide co Sindicato Labrego, que xa advertira da imposibilidade das promesas que efectuaran outros sindicatos. Ademais, o empresario lucense cre que UUAA “agudiza a crise do sector” ao provocar que os produtores aumenten a produción.

Por outra banda, a Feplac (Federación de Produtores Lácteos) culpou aos sindicatos e a “todos” os que participaron no acordo lácteo por “vender éxitos falsos e non facer algo serio para o sector”. “Nin as tractoradas nin as negociacións serviron para nada”, rematou.


Nenhum comentário:

Postar um comentário