Actualizado 15/08/2009 - 01:37 h Publicada no http://www.xornal.com
Case pleno. Caramelo deu onte por concluído o prazo para que os traballadores se acollesen voluntariamente ao ERE que lle foi aprobado pola Xunta e que supón o despido de 237 traballadores. A lista de voluntarios alcanzou as 234 persoas, dos que o 90% xa estaban na lista orixinal, polo que a empresa só terá que completar con tres empregados máis a relación de baixas, algo que fontes da dirección consideran “positivo”.
“Se cadra os despidos quedan neses 234”, chegaron a asegurar fontes do comité vinculadas a CCOO, aínda que a empresa aclarou que completará a lista de despedidos con tres persoas e baixo os criterios “de funcionabilidade que xa están acordados cos sindicatos”.
O luns quedará pechada a lista e os despidos executaranse o vindeiro martes, polo que Caramelo consumará un ERE que supón a marcha de máis da metade dos traballadores que o grupo téxtil de Jove ten na Coruña, que consuma a deslocalización da súa produción. O expediente foi aprobado pola Consellería de Traballo o pasado luns coa oposición do comité de empresa e un informe desfavorable de Inspección de Traballo.
De feito, a CIG –sindicato maioritario no comité con 12 dos 17 delegados– anunciara un recurso que fará efectivo nos vindeiros días, aínda que, tal e como aclarou onte o sindicato, “nin tan sequera” teñen “comunicación oficial da Xunta deste ERE”.
Respecto ao elevado número de despidos voluntarios, Paulo Carril, secretario comarcal da CIG, cre que o dato “non significa que lle outorgue máis validez”. “O número é froito da grave situación interna que vive a empresa e que quede claro que nós nunca nos negamos á voluntariedade das baixas”, insistiu. De feito, e segundo fontes do plantel, nove membros do comité –sete da CIG e dous de CCOO– acolléronse ás baixas voluntarias.
O expediente de regulación de emprego foi autorizado pola Xunta de Galicia co argumento principal de que fora aprobado nun referendo convocado por un grupo de traballadores o pasado 3 de agosto. A consulta non foi apoiada nin tida en conta pola maioría do comité de empresa. Neste referendo, 222 traballadores, dos 235 que acudiron a exercer o seu dereito ao voto, apoiaron a última proposta da empresa, fronte aos 91 que a apoiaron na asemblea de traballadores celebrada o 23 de xullo na que 114 empregados, dos 214 que acudiron a votar a rexeitaron.
A CIG considera o referendo “unha manobra empresarial fraudulenta”, ademais de “ilegal” e considera que a Xunta non tivo en conta a decisión “do único órgano legal para aceptar o rexeitar un acordo”.
Inspección de Traballo, nun informe que emitira o pasado 12 de xuño, non se amosaba favorable ao ERE e aclaraba que as perdas de 52 millóns que acumulaba a compañía eran debidas á súa “nefasta xestión”.
Este expediente é unha das medidas incluídas no plan de viabilidade que Caramelo deseñou para reflotar a compañía. Os traballadores despedidos recibirán unha indemnización de 39 días por ano traballado cun máximo de 34 mensualidades e un tope de 60.000 euros por traballador.
Nenhum comentário:
Postar um comentário