sábado, 29 de agosto de 2009

Caramelo destitúe a Fernando Maudo, director xeral da firma

Alberto Ramos Actualizado 28/08/2009 - 00:20 h.
A marcha do alto cargo prodúcese despois de que concluíse a execución dos 237 despedimentos que prevía o ERE.

O ata agora director xeral da firma téxtil Caramelo, Fernando Maudo, abandonou onte a empresa. Así o adiantaron a Xornal fontes da entidade que aseguraron que a saída se producía de xeito “amigable e de mutuo acordo”. Ao longo da mañá de onte, os rumores comezaron a circular neste sentido na planta de Caramelo na Grela e a confirmación da decisión chegou ao mediodía, cando as fontes da empresa comunicaron a Xornal a decisión. A marcha de Maudo, que xa está completamente desvinculado da entidade, prodúcese despois de que xa se executaran os 237 despedimentos que se estabelecían no ERE.

Eses mesmos rumores indicaban que o director xeral da firma de Antonio Pernas, Luis Gestal, tamén abandonaba a empresa. Non obstante, Gestal continuará no seu posto segundo informou a empresa téxtil e desmentiuse calquera rumor que indique o contrario.

O comité de empresa non tiña constancia, ben entrada a tarde, da saída de Fernando Maudo. A súa presidenta, Isabel Muíño, explicou que “de momento non temos ningunha comunicación por parte da empresa” e engadiu que coñecía a decisión “polos rumores” que se foron propagando. Muíño cualifica, a título persoal e sen falar cos membros do comité, a destitución de Fernando Maudo de “marabilla”, xa que “tendo en conta o que fixo neste tempo e o seu salario, non merecía estar aquí”.

Coa saída de Maudo, ábrense varias interrogantes. A primeira e máis evidente é quen será o próximo director xeral da firma. Ata que se anuncie eses cambios, o resto dos cargos da executivo continúan coas súas responsabilidades. Solucionado esa cuestión, sobre o que a empresa inda non se pronunciou, haberá que ver como encaixará o novo director xeral nos plans de reestruturación e os cambios que pode conlevar o relevo.

VINDEIRA REUNIÓN

O luns 7 de setembro terá lugar unha nova reunión entre o comité e a empresa. Nesa xuntanza, anunciaranse os pasos que a empresa ten en mente para a reestruturación empresarial da mesma. Dores Martínez, voceira da CIG, sinala que nesa reunión “poñerase en claro os cambios que se levarán a cabo pola flexibilidade ocupacional e horaria que se aprobou dentro do ERE” e engadiu que as seccións onde se produciron máis baixas polo expediente son “prancha e loxística e precisan de incorporacións”. Nesta reunión tratarase ademais a garantía da carga de traballo máis aló da fase preconcursal, que se recolle no acordo entre as partes, para os 205 empregados que seguen en Caramelo.


Nenhum comentário:

Postar um comentário